INFORMACION.-

Coñecíase como Couto Mixto (Couto Misto en portugués) a un antigo territorio autonómo que se asentaba entre os actuais concellos de Calvos de Randín e Baltar, ao sur da provincia de Ourense. Ata o tratado de Lisboa de 1864 cada veciño elixía libremente a nacionalidade española ou portuguesa.O Couto Mixto estaba constituído polos lugares actuais de Santiago e Rubiás (ambos na parroquia de Rubiás dos Mixtos, no concello de Calvos de Randín) e mais Meaus[1] (na parroquia de Tosende, concello de Baltar), tendo en conxunto unha superficie aproximada de 27 km2. A poboación, en opinión de Madoz no ano 1845, podía cifrarse en 200 veciños, equivalentes a uns 800-900 habitantes. Hoxe en día entre estas tres aldeas tan só suman 230 habitantes.Aínda que historicamente non existen documentos que acrediten a orixe da institución (disque foi queimada polo exército do mariscal Soult en 1809), sábese que o Couto naceu ligado ó Castelo da Piconha, vencellado co tempo á Casa de Bragança, na Baixa Idade Media (século XII). En 1518, por causa dos enfrontamentos entre as xentes de Barroso e Randín, os habitantes do Couto procuraron apoio no Conde de Lemos, que se mantería até o fin do Couto.En 1819 asinouse, no adro da Igrexa de Santiago, un documento no que se recoñecían os privilexios do Couto e se ligaba á Casa de Bragança e á diócese de Ourense. En 1851 formouse a Comisión Mixta que tería que dirimir os limites entre os dous estados. En 1864 asínase o Tratado de Límites e España entrega a Portugal os tres Pobos Promíscuos (Soutelinho da Raia, Lama de Arcos e Tourém) a cambio dos que constituían o Couto Mixto. Na acta final de fixación de fronteira, asinada en 1906, recoñécense terreos de pasto mixto, entre os marcos 130 e 137, de aproveitamento común.A orixinalidade deste enclave foi a de manter a súa propia organización, desvencellada das coroas portuguesa e española.Entre os dereitos e privilexios máis representativos sinálanse o de asilo (para os fuxidos da xustiza hispana e lusa), o de non dar soldados, a isención de impostos, a liberdade de comercio, (como o sal, produto estanco ata 1868), liberdade de cultivos como o tabaco e outros máis. Para exercitar ditos privilexios, no tocante ó comercial, dispuñan dun camiño inmune a acción dos gardas da fronteira. Este camiño comunicaba o Couto coa vila portuguesa de Tourém, atravesando terras galegas de Randín nun percorrido duns seis quilómetros.O arquivo e os selos do Couto Mixto gardábanse nunha arca de madeira custodiada na Igrexa de Santiago. Fechábase con tres chaves, gardada cada unha por un dos tres Povos e das cales o xuíz gardaba unha. Para abrila debíanse reunir doce homes máis os tres gardiáns das chaves, un total de cinco por pobo. A arca actual, restaurada, conserva desde 1989 documentación referente á recuperación da memoria e mantense a tradición das tres chaves.O Couto Mixto recibiu no 2002 o Premio da Fundación Premios da Crítica, na súa sección de Iniciativas Culturais, pola "recuperación da autoestima e memoria histórica coma parte dun espacio xeográfico e cultural" e por "favoreceren o reencontro da convivencia entre Galicia e Portugal a partir das raíces comúns". Ese mismo ano, a mesma Fundación elixiu o Couto Mixto para presenta-lo manifesto "Falamos unha lingua milenaria", no que numerosos persoeiros destacados na cultura galega proclamaban a súa fidelidade ao galego como lingua propia e independente. Nese mesmo acto, erixiuse en Santiago de Rubiá un milladoiro de pedras e palabras.

Os privilexios do Couto Mixto :

Nacionalidade .-

Os habitantes do Couto Mixto non se atopaban obrigados a unha ou outra nacionalidade, podendo inclinarse, dependendo de razóns xeográficas, familiares ou tradicionais, por unha, por outra, ou por ningunha.O momento en que tradicionalmente se exercía esa opción era no día das vodas: os que optaban por Portugal bebían un cáliz de viño pola honra e á saúde do rei portugués, inscribindo a letra "p", de Portugal, á porta do domicilio conxugal; aqueles que optaban pola España, brindaban á honra e saúde do rei español, inscribindo a letra "g", de Galiza, no seu domicilio. A práctica foi substituída pola inscrición doutras simboloxías, a partir de mediados do século XIX, cando as autoridades de ambos os países comezaron a cuestionar os privilexios do Couto.Concretamente, os seus habitantes non estaban obrigados a utilizar documentos de identidade persoais, non estando suxeitos aos efectos xurídicos dunha nacionalidade: eran considerados como "mixtos".

Tributos.-

Os habitantes do Couto Mixto non estaban obrigados a pagar tributos a Portugal ou á España, nin os debidos pola terra, pola práctica de actividades comerciais ou industriais, por consumo, sucesión ou outros. Ese feito levou moitas persoas a contraer matrimonio e se estabelecer no Couto, para evitar o pago de tributos, ao mesmo tempo en que estimulou unha dinámica actividade comercial, clasificada polas autoridades de ambos os países como contrabando. Entrementres , os "mixtos" non podían ser detidos ata unha legua dos limites do Couto e nin nos camiños ou vereas privilexiadas, ou por actividades consideradas como ilícitas.

Servizo militar.-

Os habitantes do Couto non contribuían nin para o Exército portugués nin para o Exército español, nin en tempo de guerra.

Porte de armas .-

Os habitantes do Couto non necesitaban de licenza para o porte de armas de calquera clase (de caza ou de defensa), nin dentro do Couto, nin no "camiño privilexiado".

Impresos oficiais .-

Os habitantes do Couto non estaban obrigados ao uso de papel selado, podendo facer uso de papel común en todos os tipos de acordos e contratos. Do mesmo modo tampouco estaban obrigados a pagar dereitos polo rexistro de propiedade, como no caso de hipotecas.

Autogoberno .-

Os habitantes do Couto tiñan o privilexio do auto-goberno, mediante a elección dun Xuíz ou Alcaide que exercía as funcións gobernativas, administrativas e xudiciais, auxiliado polos homes-bos, tamén electos en cada un dos tres poboados (Santiago, Rubiás e Meaus). Alén diso, había a posibilidade de firmar acordos en concello aberto (asemblea).

Dereito de asilo .-

Nin as autoridades portuguesas nin as españolas podían entrar no Couto en persecución dun individuo, excepto no caso de determinados delitos, como o homicidio, por exemplo. Este dereito, reminiscencia dos primitivos coutos de homiciados, incomodaba bastante ás autoridades de ambos os países, o que, historicamente, se traduciu pola acción esporádica, ben da xustiza portuguesa, ben da española, no territorio do Couto.Do mesmo modo, o Couto podían negar aloxamento ás forzas militares de ambos os países, práctica que en diversas ocasións non se respectou diante da superioridade numérica das tropas visitantes, especialmente no século XIX.
Feiras e mercadosOs habitantes do Couto Mixto podían frecuentar as feiras das comarcas limítrofes, comprando e vendendo todos os tipos de gando e mercadorías sen a obriga de pagar dereitos e de presentar guías, documentos aduaneiros ou de calquera tipo.

Camiño privilexiado .-

Os habitantes do Couto dispuñan dun camiño neutro, de cerca de seis quilómetros de extensión, que, partindo do Couto, atravesaba as terras de Calvos de Randín, na Galiza, e de Tourém, en Portugal, o seu destino. Era delimitado por mouróns ou marcos de pedra, marcados con diversos sinais, como cruces.Utilizado para o tránsito de persoas e de mercadorías, as autoridades de ambos os países non podían realizar ningunha aprehensión dentro dos seus limites (nin de contrabando), nin de molestar os seus usuarios.

Cultivos .-

Os habitantes do Couto podían cultivar todos os xéneros, inclusive aqueles obxecto de estanco, como o tabaco, controlado con rigor en ambos os países. Por iniciativa de ambos, este privilexio foi perdido desde 1850.

Outros privilexios .-

Os habitantes do Couto non estaban obrigados a participar nos procesos electorais e dos asuntos políticos nin en Portugal nin na España, privilexio que tiña reciprocidade no respecto que as autoridades de ambos os países sempre tiveron polos privilexios do Couto Mixto.

No hay comentarios: