Pozas de Melón
- 26 de Xaneiro - Saída 257
Dende os 2MB da miña memoria de peixe fago a crónica deste
pateo entre Tourón e Melón e viceversa. Teño o honor de relatar o primeiro pateo
de autor, ”made in Congostra”. O noso guía encargou moi ben a meteoroloxía, ceo
azul e as nubes aos nosos pés, era como unha viaxe en avión sobre un mar de
nubes e apetecía mergullar nelas como os
anxos.
Comezamos a ruta nun aparcadoiro de Tourón ( lugar da
parroquia de Melón ). Por deformación profesional xa empecei a facer preguntas,” de onde ven
este nome?”. Un congostreño ,ao que tamén lle vai a investigación,optou pola resposta
máis lóxica : “touro grande”. Pero como non me parecía lugar de antigos
bisontes, indaguei na toponimia. Aparecen tres hipóteses: a primeira di que ven
de “taur”,raíz indoeuropea que significa elevación; a segunda opta por furón ou
hurón; e a terceira propón zona elevada entre dous outeiros, como os dous cornos
do touro, quédome con esta.
A primeira parte do percorrido foi por un camiño entre
bosques autóctonos, algúns eucaliptos e pinos intrusos,e restos de siniestros
incendios. Atravesamos algunha aldea. Fomos observados por vacas nativas de
aspecto portugués (cachenas? barrosas?). Logo entramos nunha zona pedregosa e de
monte baixo ata chegar a unha branca canteira, na que despregamos as nosas
capacidades (ou discapacidades) trepatorias para poder seguir o camiño. Comimos
en cómodas pedras, tamaño sofá de dúas e tres plazas, e collimos forzas para
iniciar a mítica subida ás pozas de Melón.
Entre ocres e dourados do outono vexetal descubrimos
espectaculares fervenzas, caídas,
rápidos, pozas e “marmitas” que crea o río Cerves. Este pequeño río fai aquí un
descenso vertical de 600 metros en 4 kms. Chegamos a cascada máis alta e
ancha, o lugar ben merecía uns minutos de contemplación, e fixemos unha paradiña e moitas fotos. Seguimos polo
sendeiro marcado ata Tourón, onde algúns aguerridos congostreños realizaron o
baño ritual nunha poza. Co murmurio das aguas pechamos o círculo ao voltar ao
aparcadoiro de Tourón. Para os que gosten de cuantificar, 23 kms de pateo.
E para rematar, clásico de birras nun bar,esta vez con aditivas patatas fritas, e visita cultural ao Mosteiro de Santa
María de Melón, ben de interés cultural (BIC) e patrimonio histórico, tristemente
en ruinas,aínda que bonitas. E como non hai saída sen caída, esta vez foi o turno
dunha doce congostreña, que a executou gracilmente en dous tempos, espero que sen
consecuencias.
Daí,como di o cronista, ao que todos botamos moito de
menos, ”cada mochuelo a su olivo”.
Grazas a todos, pedras distintas que encaixan
harmonicamente nesta congostra.
Carmen Fernández Peña
1 comentario:
Maxistral
Publicar un comentario