QUIXEN ESCRIBIR UNHA CRÓNICA, E PUXEN A POTA A FERVER!!!

Edu sempre me pide que escriba unha crónica. Sabe do meu vínculo coas palabras. Eu sempre me resisto, baixo a cabeza, sorrío e lle suplico que non me pida iso, buscando algunha escusa: que agora non é o momento, que teño moito traballo...

Os relatos, pormenorizados, dánseme moi mal. Non son unha escritora de crónicas. Xogo coas palabras ou... as Palabras xogan comigo?? E para iniciar un xogo, tanto as palabras coma min, temos que ter gañas, unhas gañas tolas de brincar, de enredar, de cantar ó son dos violíns do vento, de subir ás árbores cal barón rampante, de tocar as nubes coa punta do nariz, de debuxar un sorriso en cada poza que atopamos no camiño enlamado, de patinar coas botas de montañeira por ese xeo níveo e crebadizo, que ás veces provoca situacións irrisorias ata ós bailaríns máis áxiles e experimentados!!!

Se tivese que escribir unha crónica, poñería o meu mandil de cociñeira e botaría na pota a ferver sensacións azuis, brancas, verdes, vermellas, rosas, negras...Sei que os comensais probarían o potaxe co xesto contido, dubidosos e que, probablemente, esperarían degustar manxares máis terreais pero, lamentablemente, non forman parte do meu menú. Sempre digo que tería que apuntarme a un curso de cociña!!! E nunca o fago!!!

É por todo isto que no camiño me acompaña a cámara, porque ela é quen de capturar os MOMENTOS, atrápaos e non os deixa escapar, captúraos na gaiola e eternízaos.
Momentos tenros nos que as parellas se abrazan, os amigos comparten confidencias, as cadeliñas mimosas buscan esa man que as acariña...
Momentos reflexivos onde flirteamos co humano e o divino.
Momentos radiantes nos que cantamos a coro ou rímonos dun mal chiste ou degustamos un bo licor café ou dun biscoito virtual que esquecemos no coche...
Momentos difíciles nos que a montaña se convirte nunha escaleira sen fin e trocamos as zapatillas de ballet por lousas que nos deixan sen alento.
Momentos solidarios nos que descobres a mellor faciana dos que tes ao teu carón:
Ummmmmmmmmmm!! Estou rodeada de amigos/as!!

Vexo o solpor ao lonxe, camiño con dificultade, o día declina e o sorriso tamén pero soporto a carga docemente, pois levo a mochila pretiña de emocións. Ó chegar a casa, dobrarei unha a unha, coidadosamente, son elas as que me levarán “en volandas” ao máis alto da montaña na vindeira andaina.


De Ana para Congostra.
Febreiro, 2011.

2 comentarios:

Nómadas dijo...

Miña queridiña, acabades de marchar da casa e aínda quedan por aquí as flechas de cupido, grazas pola vosa compañía, sabes que vos quero moito aos dous. Pero como che dixen falta aquí o meu comentario a este texto que teño que calificar de exquisito, orixinal, propio e tan auténtico, coma és tí. Tiven o privilexio de que mo lera a autora, como desperdiciar a oportunidade??. Moitas grazas Ana polas túas palabras pero sobre todo polo teu ser. Quérote!.
Salo P.

Ana dijo...

Eu tamén TE QUERO, grazas Salo por ser tan xenerosa comigo!!!