CRÓNICA PATEADA

A subida de Rouças á Pedrada é unha das camiñadas mais bonitas que eu teña feito pero non é fácil. En Congostra sabiámolo ben. Esta era a terceira vez que iamos facer tal cousa. Xa o fixeramos no verán cun sol inmisericorde e na primavera. Agora iamos facelo no inverno. Ademais a idea era baixar polo outro lado dando un grande rodeo para volver á branda de Gorbelas despois de ter pasado polas de Busgalinhas e Junqueiras.

Cando calendamos esta saída non tiñamos idea de qué tempo ía facer, coma sempre, pero sabiamos, iso si, que ben entrado Decembro por moito cambio climático que houbese non había facer moito calor.

Así que nos aprestamos a iniciar este ascenso que para nós tiña xa algo de mítico ainda que mais non fose que porque nel iniciouse, tempos há, o que ven sendo un dos mais conspicuos piares do colectivo, o noso Carrizo.

O día presentouse amable, mesmo esplendoroso, aínda que non foron moitos os congostreños que decidiron deslocarse ata as Almas. Non moitos pero bos. Alí estaban, tiña que ser, o Miguel e maila Salomé que con esta conseguen a nada fácil fazaña de ir a todas as saídas do ano. Estaba tamén o Carrizo, alma e historia viva deste colectivo. Manolo coa súa afouteza sempre disposto. A outra Salomé, a de Cangas, tamén habitual. Ramón e Eduardo, dous puntais dende que se nos incorporaron. Patricia e Mariam que tamén son parte dos novos valores emerxentes deste soño dos carreiros que deu en se chamar Congostra.

Aparecéusenos tamén Bernardo e, a rentes xa de írmonos, chegou o Quique Toba.

Unha ducia de congostreños enfiamos pois as estradas cara o cerne da Serra da Peneda. Rouças, outra vez, agardaba.

Nunha paradiña que Salomé mais eu fixemos adiantounos toda a tropa en cumprida caravana así que nos integramos a ela de últimos. Chegados ao desvío que leva á Igrexa de Gavieira o primeiro trabucouse e alá van todos polo camiño que non era.

Buzinámoslles e continuamos camiño. Aos poucos minutos chegamos a Rouças e algún minuto despois chegaron os demais se maior problema. Todos? Non! Faltaba un coche, o de Patricia e Mariam. Posto que ían na caravana non había quen imaxinase que puideron facer para se perder pois que ademais de dispor dunha folla de ruta que explicaba perfectamente por onde ir aínda foran vistas con vida na entrada de Gavieira polo que a calquera que lle preguntasen diríalle onde quedaba Rouças xa que non hai mais de dous ou tres quilómetros dunha localidade a outra.

O certo é que esperamos un tempo. Case tres cuartos de hora, co cal a madrugada que nos tiñamos pegado para non acabar de noite a pateada xa estaba descontada e non tiña valido para nada. Porque hai que dicir que desta vez quedaramos á inhabitual hora das oito e media da mañá.

Visto que nin aparecían nin procuraban cobertura para podermos falar con elas comezamos a andar pero dous santos varóns, Manolo e Miguel, quedaron aínda á espera dunha comunicación coas dúas perdidas.

O grupo, minguado, con só oito unidades, atravesou a aldea de Rouças seguindo os camiños lousados que a unen cunha das súas brandas, a de Gorbelas.

Pouco antes de chegar a Gorbelas unha paradiña para reagrupar e permitir un respiro aos mais atrasados. Intento infrutuoso de comunicar cos retrasados. Parecía pouco probable que os catro que faltaban nos fosen coller nalgún momento.

Logo dunha conversa cunha señora e de bebermos na fonte reiniciamos a marcha cruzando Gorbaleas e encamiñándonos ao Poulo da Seida, seguramente un dos mais belos lugares destas serras. Aínda consideramos algúns a posibilidade de bañármonos pois a forte subida puxaba dos suores pero iamos co tempo un pouco xusto e decidimos continuar. De repente as cabanas do Poulo de Seida aparecen ante nós coma unha miraxe. Un prado precioso sementado aquí e alá de cabanas e pequenos cercos de pedra onde en tempos idos os pastores coidaban dos seus rabaños. Se había que parar nalgún lado tiña que ser alí así que decidimos descansar un tempiño e dármoslles aos atrasados a derradeira oportunidade pois que as comunicacións non parecían funcionar ben por falta de cobertura ora duns ora doutros.

Foi o Quique o primeiro que viu ao Manolo que viña todo farruscado feito unha pinta. Tras del o Miguel pero nin rastro das nosas dúas compañeiras. Contáronnos que finalmente tiñan falado con elas pero parece que aínda así non foi posible. Así que o grupo era de dez camiñantes e non se esperaba xa a ninguén mais. O rechamante feito de que un deles viñese todo farruscado e o outro dun branco impoluto quedou sen explicación convincente.

Seguimos camiñando seguindo un longo e grande balado que é parte da instalación do foxo do lobo. Chegados ao fin, ante nós, un foxo eterno coma o tempo, igual que hai trescentos anos agardábanos. Aínda andamos algúns por riba das pedras ata que iniciamos a ascensión ao Alto de Pedrada seguindo o outro balado do foxo. Iamos subir ao punto mais alto destas serras. Aquí o grupo foise estirando porque non había maneira de se perder xa que o balado do foxo servía de perfecta referencia. Facendo honra ao seu nome o terreo estaba cada vez mais cheo de pedras, pero unha marcha constante facía que fósemos devorando metros ata que por fin alcanzamos o vértice xeodésico que era a nosa meta. Dous camiñantes vindos do outro lado, das partes do Mezío, observaban o mundo, parecían agardarnos.

Estivemos alí un anaco pero unha ventanía incómoda incitounos a procurar lugares mais cálidos para o xantar que xa tiñamos merecido.

Así foi como, atendendo á tendencia á disgregación do grupo, expliqueilles a onde tiñamos que chegar e xa que camiños non había que cada quen fose por onde mais lle apetecese con tal que chegásemos todos ao mesmo lugar, unha volta dun camiño que se divisaba ao lonxe.

Dito o cal desparramámonos polo medio das uceiras ata chegar a un punto no que un regueiro fresco cruzaba o camiño e pareceunos que era bo momento e lugar para o condumio pois alí non ía vento e o sol era agradable.

Estendémonos pois por aqueles penedos e puxémonos a comer. Feito o cal decidimos a próxima saída, falamos un pouco das nosas cousas pois o Manolo tiña algunhas propostas de mudanzas e continuamos pola pista na procura da branda de Busgalinhas.

O camiño cómodo e seguro non obrigaba a estar continuamente pendente de onde se puñan os pes polo que as conversas floreceron e o grupo acadou un ar mais descontraído. Cruzamos o ribeiro do Ramiscal e a bon paso atacamos Busgalinhas. Dalí as tropas avanzaron para Junqueiras e logo dunha breve parada pois as horas de luz que nos quedaban eran escasas, seguimos para encontrar outra vez a belísima branda de Gorbelas logo de pasar baixo una ‘silla do urso’ tamén pendurada no tempo.

Pois que a volta era coñecida e xa non tiña nada que guiar, eu demoreime un algo xunto con Salomé e chegamos uns minutos despois do resto do grupo a Rouças xusto cando a luz se acababa.

Aínda o Miguel tivo a ben celebrar con todos nós o honorífico e nada fácil premio de ser, coa Salomé de Cambados, o único que foi a tódalas saídas deste ano que remata. Por iso convidounos a uns cafés e unhas cervexas, o mesmo que Salomé tiña feito na saída anterior, no Monte faro. Porque aquí os premios non os reciben os galardoados, dános. E convídannos a cervexa para celebrármolo xuntos.

Desa maneira quedou a cousa ata a próxima que será na freguesía de Rio Frío e percorreremos a Vale do Urzal poucos días despois de Reis e que por ser a primeira do ano será cousa faciliña para permitir que ninguén quede fora e todos se poidan anotar algún tanto.

Tampouco desta vez se presentou ningún dos novos que nos visitaron en Ons.


Zalo de Paramos. Decembro do 2009

No hay comentarios: