CRÓNICA PATEADA 106


O itinerario que non amosaba complicacións fíxose máis duro pola calor. Miguel e Manolo, que se estreaban coma guías, acertaron de cheo ao elixir un percorrido que se desenvolvese por frondosas carballeiras e á beira do río Avia e Arenteiro.

A pesar da boa previsión, unha persoa ía a sufrir os temidos síntomas do que ela autodenominou “una pájara”. Aínda que despois, entre cañas, confesou que moita culpa de indisposición se debía a ter saído a noite anterior.


Os guías que pensaron en todo, tíñannos preparada unha degustación culinaria: cereixas. Mentres uns “pasaron de largo” e metían présa dende o camiño, os demais comiamos as cereixas a puñados, facendo auténticos malabares para non esganar coas pebidas. Os máis avezados gornecían os petos, gorras e bolsas. Algunha coa desculpa de que se lle escorregara a auga baixou á veiga e ateigouse das máis maduras.


A primavera deleitounos con paisaxes cheas de contrastes tonais típicas da floración. Os refachos de aire traían consigo o suave recendo dos xasmíns, pensamentos e rosas; ademais do forte olor da xesta e do eucalipto.

Pero con tanta mestura de aromas e o mareo das cores algúns membros do grupo chegaron a asegurar que viron unha pedra con forma de cu ao carón do río.

Os que sobreviviron ás distraccións da mañá, pola tarde non puideron resistir e caeron hipnotizados ao contar as raias do pantalón de Salomé.

Na hora da comida, mentres algúns descansabamos, Miguel, prefería facer amizade cun cadeliño do lugar. O pequeno animal, decatándose da elevada temperatura non dubidou en obsequialo cun refrixerio, de colleita propia, para a súa mochila.

Tivemos ocasión de visitar a aldea abandonada de Viñao onde se atopaba a chamada “Adega do Conde”. Foron moi interesantes as contribucións de Alfonso, que estivera pateando con xente da zona, e resolveunos moitas dúbidas. Para os que nos gusta a arte foi moi suxestiva a visión de diferentes igrexas románicas e casas fidalgas restauradas. Mais a sorpresa levámola coa igrexa do mosteiro de San Clodio. Á fachada (que é unha das tres fachadas cistercienses que se conservan en Galicia) cegáronlle o maxestoso rosetón central e puxéronlle unha vidreira rectangular que só de vela dan arrepíos.

Cada vez que pasabamos por unha fonte unha onda de ledicia se apoderaba de nós. Nunha delas, para festexar a algarabía esquecemos que a auga era para beber e comezamos a botárnola os uns aos outros. Todos quedamos fresquiños, ata o abano, co que nos sorprendeu Salomé. O único que non acabou enchoupado foi Edu, quen mirando as intencións dos compañeiros escapou á primeira de cambio. Co que non contaba era cunha botella tardía coa que Patricia o bautizaba pasados uns quilómetros.

Xa na volta o grupo se atopou cun novo enigma: un burato nunha parede. Para que serviría? Segundo Miguel era para a escopeta, segundo Alfonso era o resultado da caída do recheo do encintado. Eu son da opinión de que algúns misterios é mellor que sigan ocultos.

Na hora das cañas, debullamos coma unha comisión de expertos os temas de maior actualidade; a crise, a crise, a crise,…. que monotemáticos¡

Antes de rematar quixera salientar que foi unha andaina moi completa malia que faltaron caras compañeiras coas que é un pracer camiñar.


Mariam Villar

No hay comentarios: