FUENTE : WIQUIPEDIA.
O Monte Pindo domina as terras do
Fin do Mundo; o fogar das deidades galegas reflexa na súa rosa vestidura
granítica luz e sombra sobre mar e xentes do Finisterrae. Moito corren os contos, lendas e
historias sobre este lugar, que chegaron a provocar interese en persoeiros
galegos dos máis variados eidos.
Os nosos antergos só souberon explicar
a vizosa e curiosa xeomorfoloxía do Monte Pindo, inzada de relevos
en bolos de granito, mediante historias de deidades, esculturas, ou monstros e xigantes míticos, e lendas que encheron de ilusión e fachenda aos habitantes
destas terras, que transmitiron de pais a fillos durante séculos contos de
tesouros fabulosos, fermosas princesas, rutas secretas, serpes de sete cabezas,
fadas encantadas, sacrificios e ritos de fecundidade -que ao parecer
prevaleceron ata tempos moi recentes-... que deron forma á tradición que sitúa
neste lugar o monte sacro dos celtas galegos. Obviando as lendas, o que si se atoparon son
numerosos restos arqueolóxicos, coma petróglifos, útiles de bronce e o que parecen
ser os restos dunha antiga ermida.
As lendas tampouco se esqueceron da
veciña paraxe do río
Xallas, pois dise
que tras desta fervenza única en Europa por caer as súas augas directamente sobre a auga
salgada do mar (fervenza
do Ézaro), existe
unha porta máxica gardada por bruxas que levará embaixo do río ao mozo que se
atreva a pasar, podendo daquela casar cunha bela princesa encantada e posuír
unha enorme fortuna.
Do que si hai certeza é que no século X Sisnando (bispo de Iria Flavia) ordenou a construción do Castelo de San Xurxo nas beiras do monte, para protexer
estas terras dos continuos ataques dos piratas medievais. Diversas familias nobres de Galiza habitárono ata que o castelo foi destruído no ano 1467 nas Revoltas
Irmandiñas. Dise que
fai cincuenta anos aínda se podían ver parte dos seus muros, desfeitos polos
buscadores de tesouros.
Presuntamente, outros dous castelos
atoparíanse neste entorno, aínda que non se conservan restos materiais
determinantes nin documentación analizábel, mais unha inscrición en latín nunha
pedra illada da testemuña de toda unha época: "Reis, bispos, presbíteros,
todos por poderes recibidos de Deus, excomungaron aquí este castelo". Esta
inscrición, aínda hoxe visíbel, fai referencia á excomuñón que no ano 1130 lanzou o arcebispo
Xelmírez contra o Conde de Traba, por ter prisioneiro no seu castelo
ao Arcediano de Trastámara.
No hay comentarios:
Publicar un comentario